Friday 01 de November de 2024

Feijóo refírese ao compromiso e á competitividade como as claves para que a industria da automoción galega teña carga de traballo e un horizonte despexado


Anima á industria auxiliar a seguir investindo en ser cada vez máis innovadora para responder aos retos tecnolóxicos que vai marcando o sector; e, ao mesmo tempo, diversificando a produción para chegar a novos clientes e aos mercados internacionais

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe ao compromiso e á competitividade como os elementos clave para que a industria da automoción galega teña carga de traballo e un horizonte despexado.

Durante o acto de celebración do 10º aniversario da planta Benteler Vigo e de presentación das novas instalacións, Feijóo animou á industria auxiliar a seguir investindo en ser cada vez máis innovadora para responder aos retos tecnolóxicos que vai marcando o sector; e, ao mesmo tempo, diversificando a produción para chegar a novos clientes e aos mercados internacionais. Non en van, lembrou que a industria auxiliar da automoción destina xa preto do 40 por cento da súa cifra de negocio aos mercados internacionais.

Sobre este punto, o titular da Xunta referiuse á empresa Benteler, dedicada maioritariamente á fabricación de produtos de chasis e estruturas de vehículos, como un exemplo desta tendencia xa que, ademais de ser un dos principais provedores da factoría de Balaídos, traballa tamén para outras empresas como FCA (Fiat Chysler), General Motors ou Volkswagen.

Apoiando a formación
Segundo engadiu, “estamos a falar tamén dunha empresa comprometida coa formación e coa importancia de que o tecido industrial galego conte con man de obra cualificada”, dixo, subliñando que, Benteler participa nun proxecto xunto co IES Politécnico de Vigo para que alumnos deste centro poidan realizar o ciclo formativo de grao medio de Mantemento Electromecánico coa súa correspondente formación práctica.

Feijóo concluíu a súa intervención poñendo en valor o traballo dun sector que é un dos principais motores económicos da Comunidade; que dá emprego a máis de 19.000 persoas; facturou o pasado ano 8.000 millóns de euros; exportou máis do 30 por cento do total das exportacións rexistradas en Galicia; e que, durante a recesión económica, foi quen de incrementar 1.000 postos de traballo.